Asturias

No corazón te levo, doce Asturias,

prendida en voces rexas que me falan

de unha vaqueira infinda que se alonxa

polas canles da brétema e das cumes.

 

Irmá da miña terra, Asturias miña,

condecorada estás de neves puras,

de prados e pomares, brancos ríos,

ríos de tinta amarga coma a noite

fuxindo cara a mar dos peixes libres.

 

Un vento acompasado en danza prima

penta o teu sono feito de ababoles.

Os teus mineiros levan sobre os ollos

cantigas de menceres e de xanas.

 

Unha frol arrincaches e ma deches

-xardín de Dios- no tempo da tristura.

Coas estrelas a gardo coma un soño

baixo a paz do Señor, eterna fonte,

Asturias miña, patria amante e rexa,

irmá da miña terra, vella língoa

cun doce son de gaita estremecida.

License

O soño sulagado Copyright © 1955 by Celso Emilio Ferreiro and Ferreiro, Celso Emilio. All Rights Reserved.

Feedback/Errata

Deixe uma resposta

O seu endereço de email não será publicado. Campos obrigatórios marcados com *