Aturuxo

Aturuxar é ter anxos na voz,

azas de pomba pola gorxa.

Voar co corazón nas longas tebras

da terra; nas estradas infindas do tempo,

nas fontes onde beben as estrelas,

nos curutos do mundo, alí onde se gardan

os segredos das pedras,

os segredos das nubes,

os segredos do vento, que soio Dios desvela.

 

Aturuxar é ir cara o principio,

aos orixes dos ríos e das selvas,

cando a luz era nena e tiña medo

das sombras das palmeiras.

 

Somente no aturuxo

a liberdade deixa de ser leria

e faise urro dos pobos,

laio dos séculos, música rexa,

rezo dos fortes, dos rebeldes

que os degaros apreixan

dos mortos que morreron

coa ialma acugulada de estrelas.

License

O soño sulagado Copyright © 1955 by Celso Emilio Ferreiro and Ferreiro, Celso Emilio. All Rights Reserved.

Feedback/Errata

Deixe uma resposta

O seu endereço de email não será publicado. Campos obrigatórios marcados com *