Curros, neno

O vento era segrel na Pedramoa

e na Coutada envolta en rechouchíos

ían mociñas loiras con pandeiros

nun remexer de risas e donaires.

 

En Celanova había un neno triste

con cárceres durmindo longas noites

e vagos sons de bronces nos abrentes

de torres sulagadas coma estrelas.

 

Era un meniño nado para lóstrego,

doído de soidá, lévedas mágoas

dun derradeiro amor que nin xiquera

fora casulo ou ar de volvoreda.

 

En Celanova había un neno triste

cun fondo río de orfandá no peito.

 

Dime, Señor, ¿qué voces temerosas

se pousaron na cume dos seus soños,

cativo Prometeo sin consolo

decote á pedra de volcán atado?

 

¿Qué escuridá sin nome, buitre cego,

mordéu a súa ialma, espello limpo,

pomba sin fel voando sobre a lama

en busca de quentura e de surrisas?

 

Pono, Señor, á túa man direita,

pois era un neno triste e non xogaba,

nin tiña máis ledicia que o balbordo

de unhas campás ó alborexar o día.

License

O soño sulagado Copyright © 1955 by Celso Emilio Ferreiro and Ferreiro, Celso Emilio. All Rights Reserved.

Feedback/Errata

Deixe uma resposta

O seu endereço de email não será publicado. Campos obrigatórios marcados com *