Moi lonxe

Verdes outeiros da nativa terra

durmindo nun azur de fumes quedos.

Rente de min estades, doces cumes,

pero eu estóu moi lonxe, lonxe, lonxe.

 

Serpe de prata, río, longo espello

pasando con lecer. As túas augas

navegan o meu peito lentamente,

pero eu estóu moi lonxe, lonxe, lonxe.

 

Antigas torres en líquenes douradas,

o chafarís, as rúas silenzosas

vanme cantando un son de gaitas ledas,

pero eu estóu moi lonxe, lonxe, lonxe.

 

Un neno loiro en preces sulagado

buscando amor. Agora vai conmigo,

dentro de min, chorándome na ialma,

pero eu estóu moi lonxe, lonxe, lonxe.

 

Un día voltaréi, nativa terra,

a descansar en ti dos meus camiños,

mais non te alcontraréi. En min te levo,

pero eu estóu moi lonxe, lonxe, lonxe.

License

O soño sulagado Copyright © 1955 by Celso Emilio Ferreiro and Ferreiro, Celso Emilio. All Rights Reserved.

Feedback/Errata

Deixe uma resposta

O seu endereço de email não será publicado. Campos obrigatórios marcados com *