Esta frol derradeira, brando sono
das miñas outas noites, qué donaire
de leda campaniña de domingo.
Qué anada farturenta
os meus vellos amores sempre novos,
sempre distintos, sempre unha solpresa,
no fío do amencer entre bruidos
de tranvías que espertan a cidade.
Muller, irmá e nai, nada no aramio
dun lonxano teléfono do vento.
Voz querendosa de azas que acariña
os meus camiños tristes.
Esposa e filla, meus segredos
a cachón sobre a canle do meu peito,
dos meus ollos de terra
que o mesmo Dios labróu en mármol quente.
Eiquí estou i estaréi por toda a vida,
agora un home, mañá cinza de estrela,
sempre fidel á frol dos meus amores,
muller, irmá e nai, esposa e filla,
catro voces nun beixo, catro patrias
nunha soia bandeira estremecida.
Feedback/Errata