Nai

Eu non choro por ti, pois sei que mouras

xunto á fonte do tempo, alá no fondo

de tódolos camiños das estrelas.

 

Choro por min, cun pranto inconsolábel,

que me quedéi sin ti, meu limpo espello,

coma un arbre na noite, soio e núo,

fendido polo cerne, coas raíces

sin os doces segredos das violedas.

 

Choro por min, por estas maus de cinza

que outrora foron pombas,

cando o meu corazón era un paxaro

e ti pasabas sempre atafegada

nun rumor de formiga labourando.

 

Tecían as labercas seus abrentes

i eu era un vagalume, unha estreliña

ateigada de luz polas vereas.

Dios estaba con nós.

 

Agora estóu soliño,

orfo de beixos tépedos sin mácula.

Choro por min que xa non teño colo

para pousarme nil coma nun niño,

miña nai imposíbel, viva e morta

no cristal dos meus ollos.

License

O soño sulagado Copyright © 1955 by Celso Emilio Ferreiro and Ferreiro, Celso Emilio. All Rights Reserved.

Feedback/Errata

Deixe uma resposta

O seu endereço de email não será publicado. Campos obrigatórios marcados com *