Nin cadeas nin leises o persiguen,
mais nunca será libre.
Os seus brazos sanguentos van atados
ao invisíbel cepo do remorso.
Pra il son as horrendas cárceres do insono
e as bágoas que levedan as angurias
alucinadas de silencio e noite.
Un escuro terror vaille nas veas
coma cávados mestos rebulindo,
ou coma treponemas sulagados
no transfondo do ser.
Pra il son as olladas derradeiras
que xermolan vindicta
nas revoltas de tódalas estradas.
As olladas dos mortos que morreron
afogados en sangue
tremando coma bimbios.
Illado vai do mundo
envolto en ollos pasmos que o interrogan
dende tódolos ángulos berrando.
Feedback/Errata