O val

Ouh, largasío val de Celanova

que o meu amor de neno acariñache

con sombras de outos páxaros e ventos

cantando polos boscos.

As mazairas,

os acebos i os pinos que te arrolan,

apréixanche a cintura tan galana,

tan cinguida de ríos namorados,

meu rumoroso val dos pitorreises,

das calandrias, das pegas, das papuxas

pola serán enriba

nun solpor de lonxanos horizontes.

 

Val das campanas fondas, volvoredas,

feitas froles cheirosas nos curutos,

rosas de quente voz polas ladeiras.

 

Val das raposas loiras, das doniñas

que entre as carqueixas pasan fuxidoiras

mentres as rás orquestran nas xunqueiras

noites mainas de luz estrelecida.

 

Lémbrote a ti, terra dos meus abós,

berce dos mortos meus durmindo brandamente

un sono de raigames e de nubes,

de brancas maus decindo adiós á neve

en folerpas de pombas manseliñas.

 

Nunca en ningures houbo un sol tan morno

coma o que a ti te aquenta gasalleiro

nas raxeiras do inverno baixo os olmos

ou rente aos muros longos das tapadas,

meu querendoso val das silandeiras

mañás envoltas en pandeiros tristes

i en lizgairos marmurios de cantigas.

 

Nunca en ningures vin verdes máis puros,

tan vizosos outeiros, tantas mozas

de ollada azur, coma un espello limpa,

andando cun mecer de corzas novas.

 

¿Cándo, meu tempo, cándo, levarásme

deica aquiles regatos choutadores

que aos ríos van cantando en romeiría

e chegan hasta a mar grande e lonxana

arrecendendo a toxos e ferrañas?

License

O soño sulagado Copyright © 1955 by Celso Emilio Ferreiro and Ferreiro, Celso Emilio. All Rights Reserved.

Feedback/Errata

Deixe uma resposta

O seu endereço de email não será publicado. Campos obrigatórios marcados com *