Olláime ben, eu son un arbre triste
feito de escura terra.
Un segredo de outonos e de lúas
pola raíz me chega.
Un agoiro de páxaros durmidos
nas miñas ponlas medra.
Vede estas maus de ventos e solpores,
vede como latexan.
Son os froitos acedos
dunha antiga colleita
de medo e de soidá. Sobre min choven
as soidades amargas das estrelas.
Olláime ben, eu son un arbre triste
afincado na orela
dun río interminábel, misterioso,
de muda voz coma o falar das pedras.
Estóu pechado en min. Alá por fora
os homes viven, morren, sempre a cegas
camiñan apalpando a longa noite,
namentras o bon Dios, calado, espreita.
Feedback/Errata