Non ten volta de folla.
Ti que tanto gostabas de estar quedo,
xa estás quediño e soio sin remedio,
inmobre coma un bichiño calisqueira,
esquecido dos homes nun burato.
Ti que tanta xenreira lle tiñas aos bruidos,
xa tes contigo o silenzo cóncavo
dos abismos e das terras virxes.
Agora, por fin, xa eres. Xa tes un ser,
porque pra ser hai que estar
e ti estás pra sempre sobre as cousas
e as cousas están pra sempre sobre ti.
Dios é o tempo
e ti eres unha migalla de tódolos tempos
posta na terra, esculpida no ceo
cun derradeiro perfil que ninguén modificará.
Denantes, cando andabas atafegado pola vida,
coa bulsa chea de papéis,
non eras máis que un nome entre outros nomes,
mais agora eres xa un anaco de Dios.
Nós perdémoste a ti,
pero ti gañáchesnos a todos
porque xa non nos precisas,
caladiño e silandeiro coma un paxaro morto.
Nós somos as formigas que andamos ó teu redor
e ti eres o único que sabes que estás morto
porque non necesitas certificado de defunción
para saber que estás morto: ¡Eres!
Feedback/Errata