Poema nuclear

¡Qué ben, que a bomba ven co seu rebombio!

A bomba, ¡bong!, a bomba, bon amigo.

A bomba con aramios, con formigas,

con fornos pra asar meniños loiros.

A bomba ten lombrices, bombardinos,

vermes de luz, bombillas fluorescentes,

peixes de chumbo, vómitos, anémonas,

estrelas de plutonio plutocrático,

esterco de cobalto hidroxenado,

martelos, ferraduras, matarratos.

 

A bomba, bong. A bomba, bon amigo.

Con átomos que estoupan en cadeia

e creban as cadeias que nos atan:

 

Os outos edificios.

Os outos funcionarios.

Os outos fiñanceiros.

Os outos ideais.

¡Todo será borralla radioaitiva!

 

As estúpidas nais que pairen fillos

polvo serán, mais polvo namorado.

 

Os estúpidos pais, as prostitutas,

as grandes damas da beneficencia,

magnates e mangantes, grandes cruces,

altezas, escelencias, eminencias,

cabaleiros cubertos, descubertos,

nada serán meu ben, si a bomba ven,

nada o amor, e nada a morte morta

con bendiciós e plenas indulxencias.

 

¡Qué ben, que a bomba ven! Nun instantiño

a amable primavera faise cinza

de vagos isotopos placentarios,

de letales surrisas derretidas

baixo un arco de átomos triunfaes.

 

A bomba, ¡bong! A bomba co seu bombo

de setas e volutas abombadas,

axiña ven, vela ahí ven, bon amigo.

 

¡Estános ben! ¡Está ben! ¡Está bon!

 

¡¡¡Booong!!!

License

O soño sulagado Copyright © 1955 by Celso Emilio Ferreiro and Ferreiro, Celso Emilio. All Rights Reserved.

Feedback/Errata

Deixe uma resposta

O seu endereço de email não será publicado. Campos obrigatórios marcados com *